jueves, 7 de abril de 2011

“MIL COUSAS PODEN PASAR... …SE LES!”


No 3º ciclo tivemos como lectura obrigatoria o libro do, como él se define, “debuxantescritorcomiqueiropintor” Jacobo Fernández Serrano titulado“Mil cousas poden pasar”.
A continuación, publicamos unha reseña do libro feita polos alumnos de 6º e unha entrevista ao autor, elaborada polos alumnos de 5º o día que Jacobo visitou o noso cole e nos asinou os nosos libros.

RESEÑA

O libro “Mil cousas poden pasar”, escrito e ilustrado por Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971), é unha novela fantástica destinada a nenas e nenos de 9 anos en diante. Foi Premio Merlín de Literatura no ano 2009.
A historia comeza cos fillos do rei do mar, Neda e Mercurín, que buscan un agasallo para o aniversario de seu pai. Saen do mar e chegan a vila de Nil. Deciden regalarlle unha tuba, pero a tuba leva tamén o músico, Pouco. A moza do músico, Lina, ten que recuperalo e así comezan as aventuras do libro que teñen como protagonista esta rapaza.
É unha historia de aventuras, de amor, de viaxes, de azares, de desexos íntimos, de liberdade e de fantasía onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico; unha historia sobre as consecuencias das accións, por sutiles que sexan.
O autor acompaña as súas historias con imaxes que segundo explica, debuxa mentres vai escribindo.
Gustounos moito porque …………………..
Estamos agardando pola segunda parte.

Alumnos/as de 6º


ENTREVISTA


Co gallo da lectura do libro “Mil cousas poden pasar” polo alumnado do 3º ciclo de Primaria, o escritor Jacobo Fernández Serrano visitou o noso colexio o pasado 30 de marzo. Jacobo naceu en 1971 na cidade de Vigo, na que reside na actualidade; estudou Belas Artes en Madrid, e dende entón é ilustrador, autor de banda deseñada, escritor e pintor. Entre outros libros escribiu “Mil cousas poden pasar” Libro I. Para saber un pouco máis da súa vida e das súas inquietudes os alumnos/as de 5º curso elaboramos na aula unha serie de preguntas para logo facerlle unha entrevista á que el se prestou amablemente. Sentados ao redor dunha mesa na biblioteca, e co sorriso de Jacobo sempre debuxado nos seus beizos, comezamos o bombardeo de preguntas:
- Que querías ser de neno?
- Pois, de neno, non tiña moita conciencia de que existise unha profesión de ilustrador, pero houbo unha racha na que quería ser veterinario.
- A parte de escribir contos, dedicaste a outra cousa?
- Escribir, ilustrar e dar obradoiros de ilustración e de cómic polas bibliotecas dos pobos.
- Falando de “Mil cousas poden pasar”, en que te inspiraches para escribilo?
- Como é un libro que ten moitas persoaxes e que pasan mil cousas hai moita inspiración. Algúns detalles de certas persoaxes está inspirada en amigos meus da vida real e outras cousas están inspiradas nos libros, nos cómics, nas películas ou debuxos animados que me gustan; e logo hai outras cousas que é misterio, que aparece na cabeza como unha idea que non sabes por onde veu nin a que se debe.
- E para elixir as personaxes, tanto do fondo do mar como da vila de Nil, en que te basaches?
- Iso pídecho un pouco a historia. Por unha banda temos os bos e logo hai que pensar nun malo. A min gústame que haxa un pouco de loita entre o ben e o mal. Aínda que xa dixemos que cousas están inspiradas en amigos meus, de forma esaxerada claro, en parte, como queda ao final a persoaxe vai coa historia.
- Escribiches máis contos que “Mil cousas poden pasar”?
- Si, escribín dous ou tres máis, digamos contos-libros e logo tamén tres ou catro cómics ou banda deseñada.
- O Libro II, tamén se vai titular “Mil cousas poden pasar” e será unha continuidade do primeiro, ou cambian os escenarios e as personaxes?
- Vaise titular “Mil cousas poden pasar” Libro II, xa vedes que non busquei moito para pórlle o título; e vai ser unha continuación. O que conta o Libro II é a viaxe de volta de Lina e Pouco, como volven á vila e como se arranxa o caos no que está metida a vila, e logo tamén, o duelo final entre Hedión e Pouco para saber cal dos dous queda co posto da banda, cal quedaría co posto de tuba. Isto sería resumido o que se conta na segunda parte.
- Cal é o teu próximo libro no que estás a traballar?
- O próximo libro que se vai publicar vai ser esta segunda parte de “Mil cousas poden pasar” que xa está escrita e que sae en outubro, e agora mesmo estou a traballar nun cómic sobre o autor , o poeta, ao que se lle dedica este ano o día das Letras Galegas, Lois Pereiro, estou facendo un cómic contando un pouquiño a súa vida, os seus gustos, o que lle gustaba ler, a música que lle gustaba.
- Canto tempo che leva escribir un conto?
- Depende moito, por exemplo, se falamos de “Mil cousas poden pasar”, que é bastante gordo, que ten moitas persoaxes e que hai que encaixar ben todas as tramas, pois, pódeme levar sete ou oito meses; se falamos de contos máis curtos, como por exemplo, contos que teño para nenos máis pequenos, que o conto é fraque e a letra é máis grande, pois estamos a falar de 20 días ou un mes.
- Fas ti todas as ilustracións dos teus libros?
- Si, tanto nos meus libros como nos meus cómics fago eu todo o traballo, e logo a parte tamén fago ilustracións para outros escritores. Digamos que non hai un libro que estea escrito por min que estea ilustrado por outro compañeiro.
- Hoxe en día, que che gusta máis debuxar ou escribir?
- Gústanme as dúas cousas, porque dende cativo eu sempre inventei historias e sempre utilicei as dúas cousas; por exemplo, inventaba un chiste ou un conto e ao carón sempre facía o debuxo. Cando fago un libro, sempre que estou a escribir ao lado fago debuxos. Cando estou a escribir apetéceme debuxar, e cando estou a debuxar, aínda que é máis descansado para min, xa que podo debuxar con música; mentres que para escribir pecho a porta e estou máis concentrado, pero penso que as dúas cousas se complementan en min.
- Cantos premios recibiches?
- Xa recibín uns cantos. Os que debuxamos e escribimos dende nenos participamos en moitos concursos do colexio, do instituto e todo o que saia por aí, e canto comecei a pintar, tamén, entón xa levei uns cantos; e recentemente, o máis importante, é o Merlín, o que levei por “Mil cousas poden pasar”.
- Con que editorial ou editoriais traballas habitualmente?
- A maior parte dos libros que escribín, ou todo, sacounos a editorial Xerais, logo como ilustrador con case todas as de Galicia, sobre todo coas de Vigo (Galaxia, Xerais, ....) por telas máis cerca. Logo en cómic, con editoriais de fóra de Galicia, de Barcelona, un pouco variado, moitas editoriais.
- E para rematar, cal é o teu hobby?
- Non sei se teño un hobby, pode que sexa pasear. Debuxar e escribir para min é un traballo moi vocacional, así que fóra diso, a verdade é que moi deportista non son, aos videoxogos tampouco lle pego moito, penso que o que máis me gusta é pasear, camiñar ou dar voltas por aí.

Moitas grazas a Jacobo Fernández pola súa colaboración para realizar esta entrevista e facernos sentir como auténticos periodistas, e sobre todo, moitas grazas polo bo anaco que nos fixo pasar contándonos cousas da súa vida e pola ilustración coa que nos agasallou para a biblioteca.
“Mil grazas”

Alumnos/as de 5º

No hay comentarios:

Publicar un comentario